Aumentan ata sete os mortos polos incendios de Portugal
Dúas persoas que estaban feridas perderon a vida este luns

O número de mortos pola vaga de incendios da semana pasada no centro e no norte de Portugal aumentou a sete, tras a morte este luns de dous feridos.
Unha fonte da Alcaldía da localidade de Albergaria-a-Velha, a uns 269 quilómetros ao norte de Lisboa e onde se produciu un dos incendios máis intensos, dixo que os falecidos son un home duns 50 anos e unha muller de 81.
O home sufría feridas graves e era orixinario de Vila Nova de Fusos; a muller era unha artesá, Natália de Jesus, moi coñecida na zona, e residía na poboación de Frossos.
Segundo medios lusos, a muller foi sorprendida na súa propia casa polo rápido avance das lapas que saltaron dos eucaliptos ao seu fogar.
A artesá estaba ingresada nun hospital en Coimbra e faleceu a pasada madrugada.
A alcaldía de Albergaria-a-Velha rendéralle unha homenaxe recente como unha das artesás máis importantes desa área.
As dúas vítimas resultaron feridas o día 16 de setembro cando se iniciou o incendio nesa zona.
A Autoridade Nacional de Emerxencia e Protección Civil lusa informou o venres de que todos os grandes incendios rexistrados durante esa semana en Portugal estaban dominados e que ía desmobilizar "a maioría" dos medios.
Desde o pasado día 14 e ao longo da semana pasada, rexistráronse 182 vítimas, entre elas cinco falecidos (catro bombeiros e un civil) e máis dunha decena de feridos graves.