Avanzan as obras da variante exterior de Ourense
Están en marcha os traballos en dous treitos pero aínda quedan por contratar outros tres
Está previsto que estean rematadas a finais de 2024 e suporán un aforro de 5 minutos na viaxe
Están en execución dous dos cinco treitos do novo trazado do AVE entre Taboadela e Ourense, a coñecida como variante exterior. As obras dos dous primeiros treitos botaron a andar vai para un ano. Preto de oito quilómetros en que se inclúe a construción do túnel de Rante de case 3 quilómetros e medio, unha das actuacións máis complexas.
As obras, cun orzamento de 111 millóns de euros, deberían estar rematadas a finais de 2024, pero aínda quedarían outros tres treitos pendentes.
"Eses tres treitos custan o triplo que estes dous tramos. Iso está ademais vinculado á estación intermodal que non se espera ata o 2029. É un sabor agridoce porque vemos isto aínda moi lonxe", di Marisol Nóvoa, presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense.
Unha infraestrutura que consideran fundamental para completar a chegada do AVE a Ourense e que permitirá recortar os tempos de viaxe con Madrid ao entrar os trens por un novo trazado e non pola vella vía adaptada como agora, o que obriga a reducir a velocidade.
A entrada en funcionamento das obras en marcha permitiría recortar a viaxe en 5 minutos pero aínda quedarían pendentes outros dez quilómetros da variante.