Publicador de contidos

Publicador de contidos

Biden advirte que nos EUA "está a xestarse unha oligarquía" que ameaza a democracia

Biden advirte que nos EUA "está a xestarse unha oligarquía" que ameaza a democracia

No seu discurso de despedida da Casa Branca dixo estar "profundamente preocupado" pola "perigosa concentración de poder en mans duns poucos individuos ultrarricos"

Joe Biden advirte: "O poder do presidente non debe ser ilimitado"

G24.gal 16/01/2025 08:50

O presidente de Estados Unidos Joe Biden asegurou este mércores que "se está xestando unha oligarquía" no seu país.

No seu discurso de despedida, pronunciado a tan só cinco días de que Donald Trump asuma o poder, o mandatario saínte confesouse "profundamente preocupado" polo que definiu como unha "perigosa concentración de poder en mans duns poucos individuos ultrarricos".

"Nestes momentos, está a xestarse unha oligarquía nos Estados Unidos construída sobre unha concentración extrema de riqueza, poder e influencia", afirmou Biden desde o Despacho Oval da Casa Branca. "Se o abuso dese poder non se detén agora, as consecuencias serán graves".

Biden advirte: "Esta oligarquía emerxente ameaza directamente a nosa democracia, os dereitos e liberdades fundamentais e a igualdade de oportunidades para que todos poidan avanzar".

"O poder do presidente non é ilimitado, non debe selo"

Biden, de 81 anos, prepárase para abandonar a Casa Branca tras cumprir un único mandato, que quedará na historia encasulado entre os dous períodos de Donald Trump.

Na súa alocución aseverou: "O poder do presidente non é ilimitado, non debe selo, e nunha democracia, a concentración de poder e riqueza tamén representa un gran perigo".

Biden aproveitou para facer balance da súa xestión nos últimos catro anos. Citou a creación de emprego, o acordo de alto ao fogo para Gaza, o fortalecemento da OTAN, a posta ao día na competencia coa China e "moito máis".

Segundo dixo: "Levará tempo sentir o verdadeiro impacto de todo o que logramos xuntos, pero as sementes están plantadas e co tempo crecerán e darán froitos durante décadas", afirmou.

O mandatario, que o vindeiro luns, 20 de xaneiro, entregará o mando a Trump, fixo un chamado ao pobo estadounidense a "manter a fe" no país: "Agora é a súa responsabilidade estar de garda. Manteñan a fe".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade