Biden planea vender armas a Israel por valor de 8.000 millóns de dólares
Segundo o medio dixital Axios, o presidente notificou "informalmente" ao Congreso dos Estados Unidos un acordo neste sentido

O presidente Joe Biden notificou "informalmente" ao Congreso dos Estados Unidos un acordo de armas con Israel por un valor de 8.000 millóns de dólares, segundo informou este venres o medio dixital Axios.
O acordo precisaría a aprobación dos comités da cámara de representantes e do Senado para facerse efectivo e incluiría un paquete de municións para avións de combate, helicópteros de ataque e proxectís de artillería, asegura o medio citando dúas fontes en coñecemento do asunto.
A que podería ser a última transacción que aprobe a Administración Biden ata o peche de lexislatura o vindeiro 20 de xaneiro, xorde no medio dunha campaña para condicionar un "embargo de armas" a Israel que axude a aliviar a crise humanitaria na Franxa de Gaza.
O senador Bernie Sanders presentou en novembro unha resolución para bloquear a venda de armas a Israel por 20.000 millóns de dólares. Malia contar co apoio de senadores demócratas como Chris Van Hollen, Peter Welch e Jeff Merkley, foi rexeitada polo Congreso.
Como o maior aliado de Israel, os Estados Unidos apoiaron o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, nos seus ataques no enclave palestino desde o atentado do 7 de outubro de 2023 co envío de armas, munición e persoal.
A colaboración co mandatario xudeu non cesou ata hoxe, malia que parte da comunidade internacional e moitas organizacións humanitarias tacharon as incursións de crimes de guerra.