Dimiten outros tres ministros en protesta pola continuidade de Johnson
Lewis, ministro clave do gabinete de Johnson, dixo que "lamentaba profundamente" deixar o Goberno pero que deste se espera "honestidade, integridade e mutuo respecto"
Deputados conservadores preparan cambios nos estatutos do partido para unha nova moción de censura interna

O ministro británico para Irlanda do Norte Brandon Lewis presentou este xoves a súa dimisión en protesta pola continuidade do primeiro ministro Boris Johnson no cargo. Así, son xa máis de 40 os membros do Goberno que presentaron a renuncia.
Lewis, ministro clave do gabinete de Johnson, dixo que "lamentaba profundamente" deixar o Goberno pero que deste se espera "honestidade, integridade e mutuo respecto".
Cada vez son máis os membros do Goberno que decidiron renunciar en protesta polos continuos escándalos que rodearon a Johnson e a negativa deste a marchar do poder.
Pouco despois de coñecerse a partida de Lewis, tamén presentaron a renuncia o secretario de Estado de Seguridade Damian Hinds e a secretaria de Estado do Tesouro Helen Whately.
A pesar desta vaga de dimisións e de que varios ministros trataron de convencelo onte á noite para que deixase o poder, o primeiro ministro británico Boris Johnson négase a dimitir.
Na súa carta de dimisión, o agora exministro para Irlanda do Norte dixo que defendeu o Goberno "tanto en público como en privado", pero: "Agora pasamos o punto de non retorno".
"Non podo sacrificar a miña integridade persoal para defender as cousas como están. Está claro que o noso partido, os colegas parlamentarios, os voluntarios e todo o país merecen algo mellor", sinalou Lewis na súa misiva ao primeiro ministro.
Pola súa banda, o agora exsecretario de Estado de Seguridade pediu un cambio de liderado no Partido Conservador: "Polo ben do país e a confianza na nosa democracia".
Entrementres, Helen Whately recoñeceu que apoiara as políticas de Johnson pero que se chegou ao límite das desculpas que deu o primeiro ministro ao país polos escándalos.
Con estas novas dimisións, aumenta a presión sobre Johnson para que dimita, e o influente Comité 1922, que agrupa os deputados conservadores sen carteira, prepara unha modificación das súas regras para celebrar outra moción de censura interna contra Johnson a fin de forzar a saída do primeiro ministro.
Johnson argumenta que conta cun forte apoio do electorado tras gañar por maioría nas xerais de 2019, pero o sistema político do Reino Unido esixe que un líder dun partido poida formar goberno se conta co apoio do seu grupo parlamentario, algo que claramente se erosionou nas últimas horas.