Brutal agresión no centro de Ourense polo suposto roubo dun móbil
Tres persoas patearon un home na rúa porque supostamente lle quitou o teléfono a unha muller alegando que pretendía gravalo
Tres presuntos agresores foron identificados e postos a disposición xudicial por un delito de lesións
O ferido foi trasladado ao hospital cunha fenda na cabeza
Rexistrouse unha nova liorta esta fin de semana. Desta vez na rúa Concordia, no centro de Ourense e a plena luz do día. Varias persoas agrediron un home que lles quitara un dos seus móbiles pensando que o estaban gravando. Cando chegou Policía local os agresores soltaron a vítima.
A malleira foi gravada por varios veciños da rúa que saíron ao balcón alertados polos berros e o forte balbordo. Ocorreu arredor das oito e media da mañá.
Ao parecer, todo comezou porque a vítima, un home, supostamente lle quitou o teléfono móbil a unha das agresoras, porque entendeu que ía gravalo. Cando o agredido caeu ao chan, tres persoas abalanzáronse sobre el e pateárono e causáronlle feridas graves na cabeza.
"Atizáronlle ben e atopáronlle o móbil entre os pantalóns", sinala unha testemuña residente na rúa.
Foi precisa a intervención de varios axentes da Policía Local e tamén da Nacional. O ferido foi trasladado ao hospital e os agresores foron identificados e pasaron a disposición xudicial como supostos autores dun delito de lesións.