Sen rastro do tripulante da embarcación que caeu ao mar na Costa da Vela
Salvamento Marítimo recuperou a embarcación que envorcou á altura de Punta Couso
O desaparecido é Gustavo González Malvido, de 42 anos, moi coñecido no Morrazo
Continúa a busca do tripulante dunha planadora que caeu ao mar na Costa da Vela na tarde do venres. Salvamento Marítimo conseguiu recuperar a embarcación pouco despois do accidente que se rexistrou en Punta Couso por mor dun golpe de mar.
Segundo o 112, un particular alertou antes das oito do serán que acababa de presenciar como unha embarcación de recreo envorcaba á altura da parroquia do Hío, en Cangas. Asegurou que o tripulante caera ao mar e, no momento da chamada, xa non conseguía localizalo na auga.
Deseguido, activouse un operativo coordinado por Salvamento Marítimo, no que participan o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Garda Civil e membros de Protección Civil de Cangas.

Desde primeira hora deste sábado, o Helimer Galicia retomou a busca. Logo das dez da mañá foi relevado polo helicóptero da Garda Civil que dispuxo na zona medios terrestres e marítimos.
No operativo tamén participaron amigos mergulladores do desaparecido que rastrexaron o fondo de Pozo Negro onde se lle viu por última vez pescando robaliza.
As once e media da maña embarcacións de pesca atoparon no mar fronte á Caracola unha mochila e unha cazadora, polo que a busca se vai intensificar nese punto, e nos lugares que vaia apuntando o simulador de correntes.
O helicóptero Pesca 1 da Xunta e as alcaldesas de Moaña e Cangas participaron na busca e acompañaron a familia ata as catro da mañá. Cumpridas xa 24 horas do naufraxio, os esforzos do operativo resultaron polo de agora infrutuosos.
Moi coñecido no Morrazo
O desaparecido é Gustavo González Malvido, un veciño de Moaña de 42 anos, moi coñecido en todo O Morrazo porque a súa familia rexenta un bar na parroquia moañesa de Meira. A súa embarcación foi remolcada ao porto do Berbés.