Cabify amplía o seu servizo en Santiago, con preocupación no sector do taxi
Reforza tamén o número de coches conectados á súa aplicación na Coruña, onde xa opera dende o 2018

A empresa de servizos de transporte con condutor Cabify desprega dende esta semana en Santiago de Compostela o seu servizo de reserva de vehículos de forma inmediata, para ampliar o que xa tiña que só permitía desprazamentos baixo reserva, entre os que destacaban os traslados ao aeroporto.
Con esta medida a empresa reforza a súa presenza en Galicia, xa que vai ampliar tamén o número de coches conectados á súa aplicación na Coruña, onde xa opera dende o 2018. A pesar diso, por agora, non hai "plans concretos" para expandirse por outras cidades galegas.
"O noso compromiso coa mobilidade de Galicia é firme. Co reforzo de ambas as cidades, queremos achegar aos usuarios unha alternativa sostible, segura e de calidade que dea resposta ás súas necesidades. Galicia é unha rexión clave para nós e onde queremos seguir xerando un impacto positivo para residentes e visitantes", sinalou o director xeral de Cabify España, Alberto González.
Temor entre os taxistas
Este anuncio suscitou unha preocupación "moi grande" no sector do taxi, que apuntou que será "moi difícil" manter os máis de 60 empregados dos que dispoñen os titulares das licenzas.
O presidente de Taxistas Santiago, Jesús García, asegurou que ve o futuro "moi, moi negro", non só pola chegada de Cabify á cidade, senón tamén polas 29 novas licenzas que anunciou o Concello, xa que, segundo comenta, os índices de traballo xa volveron á normalidade, despois duns 2022 e 2023 con gran carga de traballo.
Sobre a chegada da empresa a Santiago, dixo que o souberon a través dos medios de comunicación, sen que a Xunta ou o Goberno local os avisase e facendo fincapé na situación que viven no ámbito dos seguros do taxi, con orzamentos que superan os 12.000 euros.
"Parece que todo vai en contra do sector e non sabemos nin por que nin con que dereitos. As 260 familias que viven do taxi teñen un futuro moi difícil", engadiu.
Esta declaración fíxoa lembrando un episodio dun congreso levado a cabo en Santiago onde Cabify operou para transportar a viaxeiros ao aeroporto, con tarifas que, en ocasións, triplicaban as do taxi, debido á "alta demanda", que aumenta o prezo na aplicación, mentres que as do servizo público non varían.