Carlos Álvarez, entre os goleadores destacados da estrea de España no Mundial
O xogador pontevedrés marcou catro goles no triunfo diante de Chile por 31-22
Sempre é complicada unha estrea nun gran torneo como un mundial. España debutaba diante de Chile sendo moi favorita, pero non foi ata o segundo tempo cando conseguiu resolver o partido (31-22). O equipo suramericano aguantou o inicio e só as paradas de Serguei Hernández, o substituto de Rodrigo Corrales na lista definitiva, lle permitiron á selección española abrir oco.
Entre os goleadores máis destacados estivo o pontevedrés Carlos Álvarez na súa estrea nun gran torneo internacional. O extremo do Ademar de León marcou catro goles e amosou a súa velocidade e facilidade para ver porta. O exxogador do Cangas Dani Fernández acabou como máximo goleador de España con cinco goles. O vindeiro rival será o Xapón.