Novo xuízo contra Rodrigo Rato por incremento ilícito do seu patrimonio
Anticorrupción solicita máis de 70 anos de cárcere

Rodrigo Rato, que fora vicepresidente no goberno de Aznar e máximo responsable do Fondo Monetario Internacional, volve sentar no banco dos acusados. Por terceira vez.
É sospeitoso de máis de 15 presuntos delitos relacionados co incremento ilegal do seu patrimonio. Calculan que defraudou a Facenda máis de 8 millóns de euros a través de diversas sociedades e contas bancarias nas Bahamas, Suíza, Mónaco, Luxemburgo e o Reino Unido, entre outros lugares.
O xuízo comezou hoxe, coas cuestións previas, e prolongarase ata finais de maio.
Rato xa fora condenado pola Audiencia Nacional en 2018 a catro anos e medio de cárcere polo caso das tarxetas black de Caja Madrid, e estivo na prisión madrileña de Soto del Real.