Reaviva de madrugada o incendio dun edificio en Bueu
O alcalde e a aparelladora visitaron este xoves o edificio, e axiña haberá avaliación de danos
O edificio que ardeu o 1 de xaneiro en Bueu rexistrou na madrugada deste xoves un novo conato. Foi sufocado polos bombeiros do Morrazo contra as seis da maña. O inmoble aínda fumegaba suavemente a media mañá e permanece precintado.
Técnicos municipais avaliarán se o edificio corre risco de colapsar e se hai danos estruturais. O alcalde e a aparelladora xa realizaron unha visita previa á unha do mediodía deste xoves.
No baixo aínda permanecen un vehículo e outros obxectos calcinados. A fachada da Banda do Río quedou totalmente ennegrecida e a familia que reside no inmoble trasladouse a outra vivenda familiar.
Na retina de todos queda o pavoroso incendio e o estoupido co que se iniciou todo.
Os Bombeiros do Morrazo recibiron outra alerta durante este operativo, un sinistro na zona do Viso, na parroquia buenense de Cela, que felizmente os afectados puideron resolver polos seus propios medios.