Publicador de contidos

Publicador de contidos

Confirman a sentenza de cárcere imposta a Sarkozy por corrupción

Confirman a sentenza de cárcere imposta a Sarkozy por corrupción

O expresidente francés non ingresará en prisión, porque o tribunal permitiu que cumpra a pena en arresto domiciliario e cun brazalete electrónico

A súa avogada confirmou que recorrerán ao Supremo e chegarán "ata o final"

G24.gal 17/05/2023 10:41

O expresidente francés Nicolas Sarkozy foi condenado en apelación a tres anos de cárcere, dous exentos de cumprimento, por un delito de corrupción cometido en 2014, a mesma pena á que foi sentenciado en marzo de 2021 en primeira instancia.

Sarkozy, o primeiro exxefe do Estado condenado a unha pena de prisión efectiva, non ingresará en prisión, porque o tribunal precisou na súa condena que pode cumprir a pena en arresto domiciliario e cun brazalete electrónico.

Vestido de gris, con aspecto serio, Sarkozy, retirado da primeira liña política desde 2016, pero moi influente entre os conservadores franceses, asistiu á lectura do veredicto no palacio de Xustiza de París, que abandonou sen facer declaracións.

A súa avogada, Jaqueline Laffont, considerou a sentenza "desconcertante", destinada a dar "leccións morais pero non de dereito", á vez que confirmou que recorrerán ao Supremo e chegarán "ata o final" para demostrar a inocencia do expresidente.

O expresidente foi condenado en primeira instancia en marzo de 2021 a tres anos de cárcere, dous deles exentos de cumprimento, por un delito cometido en 2014, dous anos despois de abandonar o poder, cando, segundo a sentenza, utilizou a súa influencia para obter beneficio noutra causa.

Durante o xuízo en apelación en decembro pasado, a Fiscalía pedira unha redución desa pena, con tres anos exentos de cumprimento, pero o tribunal foi máis duro con Sarkozy.

Dous anos despois de abandonar o Elíseo, Sarkozy tratou de obter beneficios xudiciais dun alto maxistrado, algo que saíu á luz por escoitas telefónicas ás que estaba sometido noutra investigación.

O tribunal condenou tamén aos outros dous acusados, o avogado de Sarkozy, Thierry Herzog, a tres anos de cárcere, dous exentos de cumprimento, ademais de tres anos de prohibición de exercer a súa profesión; e ao maxistrado Gilbert Azibert á mesma pena con tres anos de privación dos seus dereitos cívicos.

A sentenza é particularmente dura con Sarkzoy, porque, segundo explicou a presidenta do tribunal, "beneficiouse do seu status de expresidente (...) para obter un beneficio persoal".O caso, proseguiu, "atenta contra a confianza que os cidadáns poden lexitimamente esperar da xustiza".

Outras dúas causas pendentes

Trátase dun novo revés xudicial para o home que presidiu Francia entre 2007 e 2012, condenado tamén a unha pena dun ano de cárcere en setembro de 2021 polo financiamento irregular da campaña electoral para as presidenciais de 2012. O presidente recorreu tamén esa segunda condena, que será xulgada en apelación en novembro próximo.

Sarkozy encara unha terceira fronte xurídica, posto que a Fiscalía Nacional Financeira solicitou a semana pasada que compareza polo financiamento da súa campaña presidencial de 2007 con fondos do réxime libio de Muamar Gadafi. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade