Declara a rapaza que gravou un vídeo da agresión mortal de Yoel Quispe na Coruña
Acreditou a autoría e duración do vídeo
Familiares e amigos da vítima concentráronse ás portas do xulgado para pedir xustiza
Nova cita na fase de instrución do caso Yoel Quispe. Desta volta, a declaración da rapaza que gravou este vídeo da agresión aquela madrugada do 24 de decembro de 2023.
"Simplemente para acreditar a autoría e tamén a duración, queriamos saber se o cortaran", explica Adrián Borrajo, avogado da familia de Yoel Quispe.
"No vídeo vese perfectamente que é unha cuadrilla de mozos acurralando o meu fillo, alí non había outra persoa que puidese defendelo", di Maritza Gomessosa, nai de Yoel.
Por iso, familiares e amigos de Yoel reclaman que se investiguen todos os mozos que formaron parte da pelexa na que Yoel, de 22 anos, recibiu dous cortes, un na sen e outro na clavícula, e a coitelada mortal no corazón.
"Son once persoas. Xa se dixeron os nomes. Non son tres, son máis", engade Maritza.
Queren que se faga xustiza e que este caso sexa xulgado como un asasinato e non como un homicidio.
Polo momento, segue pendente de identificar unha persoa que estaba no lugar dos feitos para que poida testificar.
Dos tres investigados que hai a día de hoxe, o único que permanece en prisión provisional é o presunto autor da coitelada que lle arrebatou a vida a Yoel.