Desaloxan os veciños dun edifico en Ames tras declararse un incendio nun dos baixos
Non se rexistraron danos persoais
O lume iniciouse pasada a medianoite nunha empresa de informática

Un incendio declarado nun dos baixos dun edificio da rúa Rosalía de Castro do Milladoiro, no concello de Ames, obrigou a desaloxar por precaución os veciños das vivendas. Segundo a información proporcionada polo CIAE 112-Galicia, o lume iniciouse pasada a medianoite nunha empresa de informática situada nos baixos do edificio, presumiblemente por mor dun fallo eléctrico.
O incendio provocou unha forte fumareda no edificio, especialmente na zona das escaleiras. Ata o lugar foron mobilizados efectivos do 061, Bombeiros de Boiro e de Santiago, GES de Brión, Garda Civil, Policía Local e membros de Protección Civil de Ames.
Tras finalizaren a intervención, os Bombeiros indicáronlle ao 112 que, debido ao lume, un baño, unha oficina e o falso teito do baixo sufriran danos; a maiores, o resto do edificio viuse afectado polo fume. Unha vez levadas a cabo as tarefas de ventilación, os veciños puideron regresar ás súas vivendas. Non se rexistraron danos persoais.