Deteñen un veciño de Teo por roubar en 21 vehículos en menos de dúas horas
Impútanselle 38 delitos contra o patrimonio, en concreto 36 delitos de roubo con forza no interior de vehículos, un delito de roubo con forza mediante escalada e un delito de estafa
O seu modus operandi consistía en romper os cristais dos vehículos con pequenas pedras e subtraer pertenzas como documentación, obxectos de valor e diñeiro en efectivo
A Garda Civil da Coruña detivo un home veciño de Teo acusado de 38 delitos contra o patrimonio, a práctica totalidade roubos no interior de vehículos. Dáse a circunstancia de que 21 destes roubos cometeunos en menos de dúas horas, o mesmo día, no núcleo do Milladoiro e a súa contorna.
A operación iniciouse a finais de outubro de 2023, tras a detección de numerosos roubos con forza no interior de vehículos, nos que o autor utilizaba pedras para romper os cristais dos coches afectados. Estes roubos producíanse tanto en vehículos estacionados na vía pública como en garaxes comunitarios. O 7 de outubro de 2024, procedeuse á detención dun home en relación con estes feitos, de 30 anos de idade e veciño de Teo.
Impútanselle 38 delitos contra o patrimonio, en concreto 36 delitos de roubo con forza no interior de vehículos, un delito de roubo con forza mediante escalada e un delito de estafa. O detido aproveitaba as últimas horas da tarde para cometer os roubos, percorrendo distintas rúas de Milladoiro e arredores.
O seu modus operandi consistía en romper os cristais dos vehículos con pequenas pedras e subtraer pertenzas como documentación, obxectos de valor e diñeiro en efectivo. Nun dos casos utilizou unha das tarxetas bancarias roubadas para realizar unha compra nun establecemento de alimentación.
A investigación foi froito de case un ano de traballo exhaustivo e a colaboración cidadá "tamén foi clave para o éxito da operación", destaca a Garda Civil. Finalmente, o 7 de outubro, o detido foi sorprendido na allada tras escachar os cristais de 21 vehículos en menos de dúas horas, nas localidades do Milladoiro e en varios aparcadoiros do municipio de Teo.
Ese mesmo día, ademais, cometera un roubo nunha empresa de autobuses dun concello costeiro, onde violentou dous autobuses estacionados. No momento da detención o individuo portaba diversas pertenzas subtraídas dos vehículos danados, que foron devoltas aos seus lexítimos propietarios.