Detido en pleno roubo nun restaurante de Liméns
O suposto autor do asalto é un vello coñecido da policía de Cangas, que pasou vinte anos na cadea por un homicidio
Moi agresivo e con numerosos antecedentes policiais. O home detido polo asalto a un restaurante de Santa Marta en Liméns non llo puxo fácil a policía. Portaba un coitelo de grandes dimensións e un botín que e incluía lumbrigantes, nécoras, diversas botellas de alcol, un reloxo de parede e mais de 900 euros en metálico.
Este perigoso delincuente foi detido de madrugada e na allada. A colaboración da veciñanza foi providencial para detelo. Segundo Alberto Agulla, inspector xefe da Policía Local de Cangas, os axentes "conseguiron comprobar que estaba dentro do restaurante e o que fixeron foi proceder á detención. Non sen traballo porque a persoa estaba moi agresiva e levaba un coitelo de grandes dimensións nas costas e, en fin, foi complicada a detención, pero púidose levar adiante".
Trátase dun vello coñecido das autoridades, e mesmo dos propietarios do restaurante, xa que os asaltou outra vez hai trinta anos. Agulla confirma que "é un vello coñecido. De feito, é unha persoa perigosa que cumpriu vinte anos de cadea por homicidio".
O asaltante remexeu e levou por diante todo o que atopou, e entre o botín incautáronlle marisco e peixe, conectores de wifi e cartos. Mancouse ao romper as ventás, e cando, por fin, foi reducido pola policía tivo que ser trasladado a un centro hospitalario de Vigo.
Pero alí non remataron as sorpresas. O inspector xefe de Cangas conta que "Tiña varias feridas motivadas pola entrada no domicilio. E tamén se lle puideron incautar outros 900 euros que levaba en efectivo agochados entre a roupa".
O acusado xa fora detido o día anterior por tenza e consumo de estupefacientes na vía publica, e a policía investiga a súa posible implicación noutra tentativa de roubo nun domicilio en que estaban os moradores dentro.