Detido un matrimonio polo crime dun ancián en Ávila para roubarlle o patrimonio
O home traballaba como coidador do nonaxenario, que apareceu dentro dun bidón cuberto de cal
El fora detido previamente e esta semana prenderon a súa esposa como presunta cómplice no caso
Medio millón de euros que tiña no banco o ancián asasinado e a propiedade dun inmoble parecen ser o obxectivo deste crime. A Garda Civil divulgaba este sábado o vídeo coas imaxes da detención do presunto asasino, que fora o seu coidador, na localidade abulense de Sotillo de la Adrada.
Confesou que cometeu o crime cando regresaba en coche co ancián, de 90 anos, dunha visita ao hospital e que o estrangulou co cinto do vehículo tras unha discusión. Despois meteuno nun bidón e cubriuno con cal.
En realidade, isto sucedía hai máis de tres meses e agora a detida é a esposa do presunto asasino. Un dos factores que facilitou a comisión do crime é que o ancián carecía de familiares directos.
"Coa detención da muller do posible autor como cómplice dos feitos, a Garda Civil de Ávila culmina as investigacións por un presunto delito de homicidio e apropiación indebida", sinala Sandra Sabucedo, voceira da Benemérita.
A muller está acusada de colaborar na ocultación do cadáver. Era a peza que faltaba para pechar un caso que se remonta a setembro.
"Previamente, en setembro, foi detido un varón de orixe ecuatoriana como posible autor dos feitos e que exercía de coidador", indica Sabucedo.
O matrimonio tiña acceso a todas as contas e tarxetas bancarias do home asasinado e lograron roubarlle 500.000 euros. Ademais, convencérano para que puxese ao nome do coidador un inmoble da súa propiedade.