Dúas horas pechados nun tren de FEVE no Vicedo ao caerlle dúas árbores enriba polo temporal
A bordo viaxaban 8 usuarios e o piloto
A liña ferroviaria segue bloqueada
Maquinaria máis pesada intentará despexar a vía este mércores
Onde máis forte soprou o vento este martes foi na Mariña. Ata 150 km/h alcanzou algún refacho en Viveiro. Preto de alí, o vento tirou dúas árbores enriba dun tren que circulaba polo Vicedo, na liña Ferrol-Oviedo.
Oito viaxeiros e mais o piloto quedaron pechados e atrapados no convoi avariado que esta noite segue cortando o tráfico ferroviario malia o traballo dos operarios que, despois de horas, finalmente non puideron quitar un tronco encaixado contra a cabina nin tiñan as máquinas necesarias para retirar o tren.
O accidente foi nun lugar de complicado acceso, á entrada dun túnel e entre dous noiros. As árbores bateron contra a cabina do piloto. Os ocupantes permaneceron bloqueados, sen poder saír, dúas horas ata que outro ferrocarril chegou recollelos para trasladalos a Ortigueira.
No rescate interviron axentes da Garda Civil, unha patrulla de Xove e Protección Civil do Vicedo, como nos conta José Manuel Martínez, da agrupación local.
"Chamounos Emerxencias ás doce e cuarto. Xa estaban a Garda Civil, a patrulla de Xove e os bombeiros. Axudamos a sacar as oito persoas que había no tren e embarcalas noutro tren. Había algún que estaba un pouco nervioso. O complicado foi o acceso porque é un sitio que está no medio de dous noiros e á saída dun túnel".
O mércores han continuar os traballos de desbloqueo con maquinaria máis potente para intentar despexar a vía o máis axiña posible e retomar a circulación dos trens de FEVE.