Ducias de galegos, afectados polo peche dos centros de estética Ideal
Moitos pagaran por adiantado tratamentos que quedan sen finalizar
A OCU aconsella reclamar por escrito á clínica e anular os créditos nas entidades financieiras
O peche sen aviso previo da cadea de depilación e estética Ideal deixa numerosos galegos con tratamentos pagados e sen realizar.
"Atopamos un cartel na porta, nel as traballadoras piden desculpas por ter que ser elas as que informen de que o centro está pechado. Entramos en atención ao cliente e só vemos o comunicado de que está pechado, na web igual, non collen o teléfono, non temos contacto con ninguén", explica Melissa Garza Bello, unha das galegas afectadas.
A noticia colleu por sorpresa os traballadores e ducias de clientes como Melissa, que pagou por adiantado un tratamento que vai quedar a medias.
"Eu paguei 1.200 euros por 12 sesións de depilación, e só levaba 6. Fáltame a metade do servizo contratado, son moitos os cartos que perdo", lamenta Melissa.
A OCU recomenda recompilar facturas e contratos e facer unha reclamación por escrito dirixida ao domicilio social da clínica. Cómpre ademais reclamar ante os servizos de consumidores de cada comunidade e pedir a anulación do crédito, en caso de que se pedise financiamento.
"Podemos dirixirnos á entidade financeira para pedir a paralización do pago dese préstamo e tamén a devolución do que xa se pagou por un tratamento que non chegou a realizarse", aclara José Carlos Coutiño, voceiro da OCU.
Ideal, que tiña sucursais en catro centros comerciais de Santiago, Vigo, A Coruña e Ferrol, afirma no comunicado que está negociando para "redirixir" os clientes a outras clínicas. Pero Melissa non se fía, e só está interesada en recuperar os cartos que lle corresponden pola parte do servizo que non recibiu.