Quedan en liberdade os tres membros dunha banda especializada en roubos con forza
Están acusados de asaltar unha nave en Sarria e levar un botín valorado en 65.000 euros

Quedan en liberdade provisional con cargos os tres membros dunha banda especializada en roubos con forza detidos en Madrid pola Garda Civil no marco da operación Hibiki.
O arresto produciuse no marco dunha investigación iniciada o ano pasado tras o asalto á nave dunha empresa de distribución e venda de bebidas alcohólicas en Sarria. Levaron un botín valorado en 65.000 euros, ademais de provocar importantes danos nas instalacións.
“Actuaban encapuchados, con luvas e roupa deportiva de cor escura. Para daren os seus golpes, utilizaban dúas furgonetas, unha delas a modo de lanzadeira para eludir os controis policiais", informa a comandancia de Lugo.
Segundo as mesmas fontes, actuaban con "gran profesionalidade, realizaban unha inspección previa do lugar", para despois inhibir o sistema de alarma e, con mazos, facer buratos nas paredes das naves para acceder ao interior.
Unha vez dentro, seleccionaban as bebidas alcohólicas de maior valor e amontoábanas no exterior do recinto, para cargalas rapidamente nunha das furgonetas, que levaban ocultas as placas de matrícula para dificultar o labor policial.
“Dada a súa práctica, destreza e a repartición de funcións, tardaban uns 20 minutos en cargar o vehículo e lograr o seu obxectivo para abandonar logo o lugar sen ser detectados”, engade a Garda Civil.
Os detidos, residentes en Madrid e sen actividade laboral estable, desprazábanse por todo o país para perpetrar eses roubos. Unha vez que se facían coas bebidas, vendíanas rapidamente no mercado negro.