En liberdade tras roubar e ocupar de xeito ilegal un edificio en Ferrol
O mozo, de 25 anos de idade, estivo na casa tres días, ata que foi descuberto polo propietario

O mozo accedeu ao interior do inmoble da rúa Instituto logo de romper unha ventá do baixo. Unha vez dentro, fíxose con obxectos do segundo andar e despois decidiu ocupar de xeito ilegal o primeiro andar.
Alí estivo tres días, ata o sábado pola mañá, que foi cando o descubriu o propietario da casa. Inmediatamente chamou a Policía Nacional e os axentes prendérono contra as once e media da mañá.
Tras pasar a noite no calabozo, o domingo prestou declaración ante o titular do xulgado de garda. Quedou en liberdade, investigado por un delito de roubo con forza. Agora valoran se o investigan tamén por un delito de usurpación.
Ao parecer, o mozo, de 25 anos, acaba de saír da cadea, de cumprir unha condena de seis anos por outro roubo en Melilla.