En risco 246 postos de traballo pola orde de desafiuzamento de dúas empresas de lousa en Valdeorras
Moita tensión e preocupación entre os traballadores e as traballadoras do grupo Irosa e Samaca, empresas instaladas no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras
A presión de todo o cadro de persoal evitou o desaloxo da planta de produción pero non das oficinas e un almacén que foron precintados por orde xudicial
Os nove alcaldes da comarca apoian nun comunicado os traballadores e o mantemento dos seus empregos no conflito polos terreos onde se sitúan as empresas de lousa
Tensión e moita preocupación na comarca de Valdeorras por unha orde de desafiuzamento en dúas empresas de lousa instaladas no concello de Carballeda de Valdeorras. A presión de 250 traballadores evitou o peche da produción cando a Garda Civil e a secretaria do xulgado acudiron executar a orde de desaloxamento. Os traballadores, apoiados polos rexedores da comarca, din que van loitar polos seus postos de traballo.
"Irosa non se pecha, Samaca non se pecha", é o berro das traballadoras e o os traballadores que saíron protestar polas rúas do Barco de Valdeorras ante a situación xurídica que pon en risco os seus postos de traballo. Están en loita polo mantemento dos seus empregos, 246 directos, pero moitos máis indirectos.
Unha orde xudicial sorprendíaos á primeira mañá do martes con que tiñan de desaloxar as instalacións. A súa presión evitou o peche da produción en Irosa, pero precintaron e cambiaron as pechaduras das oficinas e dun almacén en Samaca.
A alcaldesa de Carballeda Valdeorras e todos os alcaldes da comarca apoian nun comunicado a protesta e a concentración espontánea do cadro de persoal polo Barco de Valdeorras. Un conflito polos terreos onde están as industrias, xudicializado desde 2014 entre o dono da empresa e os comuneiros, e cunha expropiación xa autorizada pola Xunta de Galicia.
A alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María do Carme González, explica que a na comarca non se entende esta decisión porque ao parecer a expropiación xa é efectiva e os terreos serían xa propiedade do dono da empresa. Pensa que se houbo un erro xudicial nesa sentenza que lles daba a razón aos comuneiros dons montes de Trigal, ten que buscar unha solución para evitar que moitas persoas queden sen traballo. Unha solución a este conflito tamén pedía o tenente de alcalde do Barco de Valdeorras, alcalde en funcións, Aurentino Alonso.
Desde o Comité de empresa din que non van abandonar os seus postos de traballo e que van seguir loitando para que as empresas sigan en funcionamento.
Durante a concentración acordaron continuar coas protestas, e o mércores a partir das sete e media da mañá teñen previsto manifestarse e pechar a estrada N-122 que vai de Sobradelo ao Trigal, onde están instaladas as empresas.
