Esgazan as coberturas dos silos de alimento do gando de dúas gandeiras de Mazaricos
Os silos quedaron destapados á mantenta para que a chuvia estragase a forraxe almacenada
Os silos onde Teresa Lires almacena a forraxe e a herba para a súa cabana dunhas cincuenta cabezas de vacún teñen xa a cobertura plástica reposta. Pero o luns á mañá, o panorama que tiña aquí, a uns douscentos metros de distancia da súa vivenda, foi desolador para esta gandeira de Xunqueira, en Mazaricos:
"Os silos estaban todos esgazados ao longo e mais ao ancho. E... nada..., que me deu a impresión... que me derrubei, porque é a comida do meu gando de todo un ano e mais o meu soldo, que eu vivo das vacas. Non teño outra cousa", lembra Teresa.
Unha situación similar sófrea a súa cuñada Pilar, á que tamén lle esgazaron e deixaron destapados baixo a chuvia os dous silos que ten nun predio próximo. Foi na mesma noite, a do domingo ao luns.
"A quen anda facendo mal debían collelo e castigalo, porque se non.... A ver, o estrago é moito, porque se che estraga a comida das vacas de todo o ano... Vostede que pensaría?", di Pilar ante os silos coa cobertura reposta.
Teresa atendeunos en pleno traballo de munguir as vacas, coas que leva 27 anos traballando, e agora ten o seu ánimo amolado por alguén malvado que puxo en risco a alimentación do seu gando e a economía da familia.
"Non sei. Non sei quen o puido facer. Pero que foi maldade, si. Si. Ata en escoller o día; chovía. A eses silos agora entroulles a humidade e aínda que foron cubertos outra vez, non sabemos como imos atopar o alimento do gando no seu momento... Vai quecer a comida, seguro. Non sei o que vai ser, que vai saír de alí; podremia.... E sobre todo o silo do millo, que che saca os ollos da cara, porque sae moi carísimo", conclúe toda apesarada a gandeira de Mazaricos.