España remonta seis goles e saca un empate diante de Suecia no Mundial de balonmán
Un gol de Dujshevaev no último segundo permitiulle igualar (29-29)
A selección española de balonmán empatou diante de Suecia (29-29) e afrontará a segunda fase do Mundial con tres puntos, os mesmos que o seu rival. Todo despois dun partido que tiña perdido mediada a segunda metade e que conseguiu remontar no derradeiro cuarto de encontro.
Suecia encamiñou o triunfo cun parcial de 5-0 ao pouco de comezar (9-4) e levou as diferenzas ata os sete goles no primeiro tempo. O pontevedrés Carlos Álvarez saíu como titular, pero non puido facer ningunha acción ofensiva. Ao descanso chegouse coa vantaxe de Suecia por 16-11.
O segundo tempo comezou do mesmo xeito, cos suecos mandando por cinco ou seis goles. Ata que a selección española apertou en defensa e comezou a recuperar a desvantaxe. No último cuarto de hora conseguiu ir rabuñando gol a gol ata empatar 28-28 a un minuto do final. Suecia transformou un penalti e España tivo un último ataque para empatar que transformou Alex Dujshevaev.