Doce concellos pendentes da súa constitución contan xa con novas corporacións
Noia, Muros, Ribeira, Porto do Son, Outes, Mazaricos, Corcubión, Lousame, Boiro e Celanova celebraron plenos de investidura

Varios concellos galegos celebraron este venres os plenos para constituír as novas corporacións e investir os novos alcaldes e alcaldesas.
Luís Pérez, do Bloque Nacionalista Galego, é dende este venres o novo alcalde do municipio coruñés de Ribeira, onde os nacionalistas compartirán o goberno con Partido Barbanza Independente e o PSOE. Os votos das tres forzas políticas suman once dos 21 edís da corporación.
Pérez releva ao popular Manuel Ruíz Rivas, alcalde de Ribeira desde 2011 e candidato ao Senado polo PP o 23 de xullo que deu un paso á beira para tratar de favorecer o entendemento cos independentes do Partido Barbanza Independente, formado por exmilitantes do PP.
A Pobra do Caramiñal terá un cuadripartito con Nós Pobra, PSdeG, BNG e Veciños independentes por Pobra, escisión do PP. José Carlos Vidal, número tres da lista de Nós Pobra, será o alcalde.
Xosé Lois Piñeiro e a seguinte da lista renunciaron durante o pleno como candidatos á investidura, condición que se puxo sobre a mesa para pechar o pacto.
En Muros, María Lago, do BNG, é desde este venres a nova alcaldesa. Gobernará en coalición co PSdeG que ocupará a primeira tenencia de alcaldía. Lago releva a Inés Monteagudo, do PP que foi a forza máis votada. A nova alcaldesa agradecía, durante o pleno, a súa elección e marcaba o rumbo do seu mandato.
En Noia, o PP, o partido máis votado, mantén a alcaldía tras un acordo de última hora cos independentes do NOIA. O alcalde, o popular Santiago Freire, di que o acordo de goberno é similar ó do anterior mandato.
En Mazaricos gobernará o BNG. Os nacionalistas tamén gobernarán en solitario con catro concelleiros de 9 en Corcubión. En Porto do Son, o PP.
En Outes, Manuel González, da formación Compromiso por Outes, foi reelixido como alcalde do municipio, onde compartirá goberno con PSOE e BNG.
En Ourense, constituíronse as corporacións municipais de Celanova e Carballeda de Valdeorras. Antonio Puga afronta o segundo mandato en Celanova. Esta mañá, resultou investido alcalde cos votos da súa formación, Celanova Decide, en minoría, e os do PSdeG-PSOE e BNG.
O grupo do alcalde e os socialistas renovarán o pacto de goberno dos últimos catro anos.
Antonio Puga anunciou, tralo pleno, a interposición de dous recursos ante o TC polo erro no reconto de votos na noite electoral, que lle outorgou ó PP un concelleiro máis en detrimento de Celanova Decide. Hoxe, xa non tomou posesión a número seis da lista dos populares.
En Carballeda de Valdeorras, outro recurso atrasou ata hoxe a constitución da corporación. María Carmen González, do PP, suma outro mandato e acumula trinta e catro anos á fronte da alcaldía. Con maioría absoluta, anuncia unha xestión continuísta.
Castro Caldelas é única corporación pendente de renovación na provincia de Ourense. Alí, a xunta electoral central aínda non fixou a data das novas eleccións. Teñen que repetilas por presuntas irregularidades no voto por correo.
A alcaldesa en funcións, a socialista Sara Inés Vega, seguía sen noticias esta mañá.