Falece un home de 63 anos ao caerlle unha pedra enriba en Melón
Os bombeiros seguen traballando para asegurar a zona e poder evacuar ao falecido, pois a estrutura do inmoble é moi inestable e reviste risco de derrubamento

O suceso ocorreu dez minutos antes das 12:30 horas, momento en que un particular contactou co 112 Galicia para informar do que sucedera: a un home caéralle unha pedra enriba cando estaba nunha casa abandonada, en Quins, preto da Igrexa, sen poder saír de debaixo.
Os xestores do 112 Galicia pasaron o aviso aos Bombeiros do Carballiño para que puidesen liberar ao ferido. Do mesmo xeito, tamén se informou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Tamén tiveron coñecemento do suceso o GES de Ribadavia, a Garda Civil e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Melón.
🔴 #AXEGaInforma do falecemento dunha persoa en Melón.
— 112 Galicia (@112Galicia) September 19, 2024
📍 Lugar de Covelo, parroquia de Quins.
▶️ O home atopábase no seu tractor cando lle veu unha pedra enriba.
🔗 https://t.co/r8i5Ggabnk pic.twitter.com/M7Qa2YtubL
A dotación de bombeiros conseguiu liberar parcialmente a persoa, sen que se puidese facer nada por salvarlle a vida, pois xa falecera. Os servizos de emerxencias explicaron que puido ocorrer: o home atopábase traballando co seu tractor pola eira no momento en que a pedra, proveniente da casa en ruínas, caeu sobre el.
Os bombeiros seguen traballando para asegurar a zona e poder evacuar o falecido, pois a estrutura do inmoble é moi inestable e reviste risco de derrubamento.