Falece un home mentres podaba nunha casa en Muros
O implicado caera sobre unhas rocas desde varios metros de altura

Un home faleceu tras caer desde varios metros de altura mentres podaba nunha vivenda en Muros.
Foi unha familiar do falecido a que contactou co 112 Galicia arredor das 16:20 horas para alertar de que este acababa de sufrir unha caída nunha vivenda situada no lugar do Cabo, en Muros.
🔴 #AXEGAInforma do falecemento dun home tras caer desde varios metros de altura mentres podaba nunha vivenda en Muros.
— 112 Galicia (@112Galicia) November 29, 2024
📍 Lugar do Cabo.
➡️ O GES de Muros tivo que empregar arneses para o rescate.
🔗 https://t.co/Z2Y6xlEhSl pic.twitter.com/yW13DbthHL
Ao chegar alí, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comprobou que o implicado caera sobre unhas rocas desde varios metros de altura mentres realizaba labores de poda na súa propiedade.
Ademais, existía o risco de que continuase caendo polo noiro onde quedara situado.
Debido á situación do accidente, unha zona de difícil acceso e con gran pendente, os efectivos do GES tiveron que empregar arneses para proceder coas tarefas de rescate.
Finalmente, os servizos sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.