Falece unha muller no incendio da súa vivenda no Grove
Seu marido tivo que ser evacuado cunha escaleira polo balcón do piso superior
Debido á intensa fumareda, cinco persoas foron trasladadas para recibir asistencia médica, catro ao PAC e unha a un centro sanitario
Unha muller faleceu tras producirse un incendio na súa vivenda. Os feitos ocorreron sobre as 23:20 horas deste martes na rúa Viña de Millán, no concello pontevedrés do Grove. A falecida tiña mobilidade reducida e atopábase no sofá onde se orixinaron as lapas.
Trátase dunha casa unifamilar cun baixo e un andar. O residente na parte alta foi o que alertou ás forzas de seguridade porque había moito fume na planta baixa.
Durante a súa chamada o alertador explicou que conseguira saír ao balcón. Nos momentos posteriores, un familiar alertou tamén ao 112 Galicia dos feitos e confirmou que había unha muller no baixo da vivenda.
🔴 #AXEGAInforma dun incendio que deixou unha muller falecida e cinco persoas afectadas por inhalación de fume no Grove.
— 112 Galicia (@112Galicia) November 13, 2024
📍 Rúa Viña de Millán.
➡️ O lume orixinouse nun sofá da planta baixa e queimou un salón por completo.
🔗 https://t.co/uO46tFyWHq pic.twitter.com/eN7IihYzcu
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Salnés, do GES e de Protección Civil do Grove, do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo e da Garda Civil. Ao mesmo tempo, informouse aos profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, por se resultara necesaria a súa intervención.
Ao fío da medianoite deuse por apagado o lume, que queimou un salón por completo e que se orixinou nun sofá, e confirmouse o falecemento dunha muller que foi localizada nesta mesma estancia.
Os servizos de emerxencias rescataron ao home cunha escada a través do balcón, e catro persoas máis que trataron de entrar na vivenda para axudar resultaron tamén afectadas por inhalación de fume.
Debido á intensa fumareda, cinco persoas foron trasladadas para recibir asistencia médica, catro ao PAC e unha a un centro sanitario. As catro persoas, que foron polos seus medios ao PAC, acudiron ao incendio para tratar de sufocalo.
A noticia causou unha gran conmoción entre os veciños e no mercado do Grove, onde a familia é moi coñecida polo seu negocio de venda de marisco.
O suceso mobilizou un amplo dispositivo do servizo municipal de emerxencias, varias patrullas da Garda Civil e a Policía Xudicial, que arestora investiga as causas deste incendio mortal.