Falece un home nunha colisión entre dous vehículos no concello de Carnota
Outras dúas persoas, entre elas unha rapaza de 14 anos, quedaron feridas
Un home faleceu e outras dúas persoas quedaron feridas nun accidente de tráfico ocorrido na tarde deste venres no concello de Carnota. Dous vehículos chocaron no quilómetro 28 da AC-550, á altura da parroquia de Lira.
Todo parece indicar que o coche en que viaxaba o falecido trataba de incorporarse á estrada e foi bater contra outro turismo que circulaba pola vía principal. Como consecuencia do impacto, saíu despedido uns metros.
Os equipos de emerxencias tiveron que liberar o falecido do interior do vehículo e tamén á súa acompañante, unha rapaza de 14 anos que foi trasladada en helicóptero ao hospital de Santiago. O condutor do outro coche tamén resultou ferido e foi evacuado en ambulancia.
➡️ Urxencias Sanitarias de Galicia-061 encargouse do traslado dos feridos: un a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago, o outro en ambulancia.
— 112 Galicia (@112Galicia) December 27, 2024
🚨 Bombeiros de Cee, GES de Muros, @guardiacivil de Tráfico, Policía Local e AVPC de Carnota e mantemento da estrada.
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladou un dos feridos nun helicóptero medicalizado con base en Santiago. O outro foi trasladado en ambulancia.
Foron mobilizados os Bombeiros de Cee, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Muros, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local, AVPC de Carnota e os servizos de mantemento da estrada.