Morren 33 persoas nunha avalancha de terra sobre unha estrada en Colombia
As autoridades aseguran que aínda hai xente atrapaba nos coches que quedaron sepultados
Os vehículos estaban parados porque a vía quedara cortada tras un primeiro derrubamento

A vicepresidenta colombiana, Francia Márquez, confirmou este sábado o falecemento de 33 persoas nunha estrada preto da localidade de El Carmen de Atrato, no departamento do Chocó (ao oeste do país), tras rexistrárense varios derrubamentos de terra.
"Lamento profundamente o falecemento de 33 persoas nesta traxedia, na súa maioría nenas e nenos, segundo informes preliminares desde o territorio. Toda a nosa solidariedade co departamento do Chocó e coas familias das vítimas", dixo na súa conta de X.
De acordo coa mandataria, aínda quedan persoas atrapadas na vía Quibdó-Medellín polo que continúa o operativo de rescate das Forzas Militares, Policía, Unidade Nacional de Xestión do Risco e o Desastre (UGRD), autoridades locais, bombeiros e outros organismos de socorro.
A derruba produciuse o venres pola tarde e sepultou varios vehículos que estaban detidos, ao parecer, por unha avalancha de terra que bloqueou previamente a estrada.
Nun vídeo gravado por testemuñas obsérvase unha fileira de vehículos detidos, á espera de que se abrise o paso, cando de súpeto a montaña veuse abaixo. Ao parecer, tamén sepultou medio cento de persoas que se refuxiaban da choiva nunha vivenda.