Feijóo reúne este mércores o PP galego antes de confirmar o seu futuro
"Imos ver desde Galicia como podemos axudar e comprometernos ante a situación do PP", di Núñez Feijóo
O presidente da Xunta anima a presentarse a calquera persoa que teña un proxecto para o PP
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, dixo este martes que mañá anunciará a decisión sobre a súa candidatura a presidir o Partido Popular.
Antes do anuncio, Feijóo pediu que o PPdeG reúna a súa Xunta Directiva, para "escoitar os compañeiros e falar con eles", e despois desa reunión comunicará a súa decisión.
Á saída da reunión da Xunta Directiva Nacional do PP, en que Pablo Casado lle agradeceu "a amizade e a lealdade", Feijóo explicou que lle pediu ao secretario xeral do PPdeG que convoque esa reunión, este mércores ás 17:30 en Santiago de Compostela. "Imos ver desde Galicia como podemos axudar e como podemos comprometernos ante a situación do Partido Popular", dixo Núñez Feijóo.
"E unha vez que escoite os meus compañeiros", afirmou Feijóo, "eu, evidentemente, dirixireime a eles; e con eles, e a través deles, a todos os do PP de España; e o máis importante, dirixireime ao conxunto dos españois para trasladarlles cal é a miña decisión que anunciarei onde corresponde", afirmou Feijóo.
O presidente da Xunta animou, ademais, a calquera persoa que teña un proxecto para o PP a presentarse no próximo Congreso extraordinario para dirixir o partido.
Feijóo considera que comezou "a hora importante" para o PP, en que, segundo dixo, "os afiliados falan", e desexou que o fagan "con nitidez, liberdade, sen presións e co único obxectivo de acertar".
"Empezou un congreso extraordinario e urxente porque a situación orgánica así o requiría. Esta situación temos que pechala. Estamos absolutamente persuadidos de que o que fixemos non é de recibo", recoñeceu Feijóo, para engadir acto seguido que esa situación non a merecían nin os militantes nin os españois.
"Agora os dirixentes teñen un voto, exactamente igual que os afiliados de calquera lugar de España", dixo Feijóo, quen tamén asegurou que el optou a presidir o PP galego en 2006 e que entón "non era o candidato que tiña máis opcións".
Sobre a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, dixo que é "un activo incuestionable do PP de Madrid". "Non nos presenta dúbidas a súa honorabilidade", engadiu.