Festa de benvida para os últimos veciños que se instalaron en Paderne de Allariz
Nestes tempos nos que o despoboamento ameaza moitas zonas do noso rural hai un lugar en Ourense que se desmarca desta tendencia. É a aldea de Vilameá, no concello ourensán de Paderne de Allariz. Foi o lugar elixido por varias parellas novas nos últimos anos para instalar a súa residencia.
"Estaba quedando a aldea bastante baleira, hai catro ou cinco casas que se venderon este ano e estamos encantados."
"Esta xente é marabillosa e oxalá houbera máis casas en venda para que puidera vir máis xente para aquí."
Os seus veciños organizan unha festa para darlles a benvida de xeito oficial, e celebrar que elixiran a súa aldea para establecerse.
"A xente que comprou casa aquí estalle dando unha vida nova á aldea, ademais moi positiva. Están colaborando con todos, e por iso queremos facer esta xuntanza para darlles a benvida, que nos coñezan a todos, facer un ambiente familiar e que saiban que esta é a súa casa." Explica Vicente Agromayor, da Asociación de veciños de Vilameá.
Tras a festa de hoxe quen sabe se algún dos moitos veraneantes que hai estes días na aldea decide que esta sexa tamén a súa residencia permanente!