Os furtivos de traxe de baño actúan sen control na praia de Arealonga, en Chapela
Son persoas maiores da parroquia que saben que non o poden facer e móstranse agresivas con persoas e vehículos
Os furtivos de traxe de baño están á alza no tempo de verán. Algúns finxen non saber a norma ou din que só colleron catro pezas para un arroz, algo que tampouco se pode facer.
Non é o caso da parroquia redondelá de Chapela, onde os furtivos se enfrontan ás mariscadoras legais dicindo que o fixeron así toda a vida. Malia ser persoas maiores son agresivos e raian vehículos e pican rodas.
As mariscadoras séntense indefensas porque non se poñen multas, nin se vixía en exceso. Pero non queren renunciar a unha das súas mellores praias cando son elas as que pagan impostos, teñen o permiso, sementan e respectan as medidas.
Tamén inciden no perigo sanitario que supón consumir este marisco.