OPINIÓN
Galicia, acercándose ao pleno emprego, por Venancio Salcines
Foi no ano 2008 cando acadamos o máximo de ocupados da nosa historia, 1.216.400; agora temos 1.159.400, faltan 57.000 incorporacións para acadar o máximo histórico, pero tamén é certo que neste intre vivimos 2.706.953 en Galicia, sesenta mil menos que no 2008, 2.767.474. Difícil, sendo menos e máis vellos, superar o récord do 2008.
Se falamos de desempregados, agora mesmo cífranse en 112.500 persoas, nunca tivemos menos desemprego. Cantidade que, aínda sendo baixa, seguramente, seguirá descendendo. Con taxas de paro do 7,8 % na Coruña e do 6,7 % en Lugo, pódese afirmar que se moven nun ámbito de pleno emprego. Non ocorre o mesmo en Pontevedra, cun 10,3 % de taxa de paro, nin en Ourense, un 10,5 %. Nas provincias do sur queda máis camiño por percorrer.
Onde están as nosas debilidades? No emprego feminino en Pontevedra. O paro feminino nesta provincia é dun 11,15 % fronte a un 7,96 % na Coruña. Soamente en Pontevedra temos 25.000 desempregadas, fronte as 30.000 de toda Galicia. A outra debilidade é o desemprego masculino de Ourense (8.300), practicamente o dobre de desemprego que Lugo (4.600) e, en menor medida, en Pontevedra (22,3) cunha taxa do 9,5 %, inferior á de Ourense, pero maior que a da Coruña (un 7,6 %).
Aínda que a situación de Ourense e Pontevedra é mellor ca a media española, é necesario ter claro que é no sur de Galicia onde necesitamos xerar máis emprego.