Giráldez, malia a remonta, "insatisfeito" co empate
"Os goles foron evitables e fixéronnos demasiado dano", asegurou o porriñés
Claudio Giráldez amosouse orgulloso pero "insatisfeito" co empate acadado diante do Barcelona. "Os goles foron evitables porque nos volvemos tolos nalgunhas fases do partido e tivemos ao final a posibilidade de gañar o partido", comentou o porriñés na comparecencia posterior ao encontro.
Claudio lembrouse da xogada de Gerard Martín antes do descanso que puido supoñer o segundo cartón amarelo. "Creo que o VAR debe entrar cando é xogada de segunda amarela", reflexionou sobre o protocolo da videoarbitraxe.
Un dos goleadores foi Hugo Álvarez que marcou o 2-2. O ourensán estaba "moi contento pola reacción do equipo. A presión deles era abafante, era moi difícil ter o balón", dixo para a canle do club ao remate do encontro.
Un dos xogadores máis ledos era Alfon. Marcou o gol que abriu o camiño da remontada nunha xogada na que pelexou ata o final. "O equipo confiou e creu ata o final coa axuda da afección. Foi impresionante, é un xogador máis", asegurou Alfon sobre os máis de 24.000 seareiros que estiveron no campo.