Gómez-Reino renuncia a concorrer nas eleccións do 23X con Sumar
"É o momento de dar un paso a un lado", explicou nas redes sociais, onde dixo estar disposto axudar para que Yolanda Díaz sexa a vindeira presidenta do Goberno

O deputado de Galicia en Común pola Coruña, Antón Gómez-Reino, renuncia a presentarse nas candidaturas de Sumar para as eleccións do próximo 23 de xullo. Con todo, di estar disposto a axudar a conseguir que Yolanda Díaz sexa a vindeira presidenta do Goberno.
Sobre as eleccións do #23X e o novo ciclo político. Sigamos construíndo, con máis forza, horizontes de luz, esperanza, democracia, dereitos e liberdade.. Grazas e adiante. 👇🏾 pic.twitter.com/FVvV8JDgzl
— Antón Gómez Reino🔻 (@AntonGomezReino) June 13, 2023
Nun comunicado, o deputado pon o foco no “reto” de impedir que a “dereita e a extrema dereita” cheguen a Moncloa e, con este fin, avoga por “desenvolver un proxecto de país” que “irradie futuro”.
Por iso, sinala que "despois de traballar estes meses para unha renovación dialogada e construtiva en Galicia e tras un período de 8 anos como deputado no Congreso, é para min momento de dar un paso á beira e colaborar, con toda dedicación e entrega, a que outras compañeiras representen e traballen por Galicia no Congreso".
Con todo, Gómez-Reino participará na campaña de Sumar en Galicia e poñerase “a traballar ao dispor do proxecto colectivo”.“Súmome a traballar na tarefa de que o próximo 23 de xullo fagamos a Yolanda presidenta”, conclúe.
Gómez-Reino foi deputado do espazo 'rupturista' desde o ano 2015 e foi presidente da Comisión de Traballo, Inclusión Social e Migracións desde febreiro do 2020 ata maio de 2023.
Entre outras actividades nas Cortes, foi relator na lei para a transferencia da AP-9 e vicepresidente segundo da Delegación española da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa desde febreiro de 2020.
É un dos impulsores da Marea Atlántica da Coruña e asumiu as rendas de Podemos Galicia en 2018. Ademais, liderou a candidatura de Galicia en Común, xurdida do espazo da extinta En Marea, que acabaou sen representación parlamentaria.
Gómez-Reino, xunto con Yolanda Díaz, son os únicos dous deputados deste espazo político polas circunscricións galegas que actualmente teñen escano no Congreso, ao lograr representación pola Coruña e Pontevedra.
A política ferrolá conseguiu o seu escano tras desembarcar na provincia de Pontevedra, o que lle custou á actual secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez Pam, quedar fóra do Congreso ao concorrer de segunda pola súa provincia.
Precisamente, a número dous de Irene Montero está fóra das quinielas para repetir a súa candidatura por Pontevedra e tampouco ten encaixe na lista madrileña.
Para o proxecto de Sumar, no caso da provincia da Coruña, salvo sorpresa, todo apunta a que a presidenta de Sumar e estreita colaboradora en Galicia deste proceso Marta Lois será a persoa que liderará a lista na provincia.