Gonzalo Caballero confirma que se presenta ás primarias do PSdeG
Di que pretende darlle un pulo ao partido logo dos resulados electorais conseguidos nas últimas citas
O outro candidato, José Ramón Gómez Besteiro, descarta un pacto con outros posibles aspirantes ás primarias do PSdeG
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, dixo que "das primarias vai saír o próximo presidente da Xunta"
O deputado e exlíder do PSdeG Gonzalo Caballero confirmou este martes que presentará a súa precandidatura para participar nas primarias da formación para elixir candidato á presidencia da Xunta.
“Estou preparado”, dixo en declaracións aos medios un día despois de que se fixasen as primarias para o vindeiro 29 de outubro.
Con todo, lamentou que o prazo para rexistrar a precandidatura fose unicamente de “45 horas” co que urxe “reactivar” o seu proceso de escoita coas bases do partido. Gonzalo Caballero insistiu en que o seu obxectivo é conseguir que o partido mellore os resultados electorais das últimas citas coas urnas, municipais e xerais, nas que se produciu un claro “retroceso”, segundo a súa análise.
“Presentarei a miña precandidatura para que o partido volva medrar electoralmente como sempre creceu na miña etapa como secretario xeral”, reiterou Caballero.
A súa intención é achegar en positivo á organización “sempre con xenerosidade e lealdade” e lembrou que chegou á política “para servir e non a servirme” porque conta cunha traxectoria profesional e praza de profesor na Universidade de Vigo.
Caballero defendeu que é un “firme defensor do proceso de primarias” e, por iso, quere participar nelas co obxectivo de ser o candidato á Xunta para que o “PSdeG consiga ter máis votos e máis representación”.
O deputado reiterou que é un “militante activo con criterio propio” e rexeitou referirse ao feito de que o actual líder do PSdeG, Valentín González Formoso, comparecese ante José Ramón Gómez Besteiro despois de que o lucense anunciase a súa intención de presentarse ás primarias.