Investigadas catro persoas por desvalixar unha vivenda no Barco de Valdeorras
Roubaron na casa simulando que estaban facendo unha mudanza

A Garda Civil investiga catro persoas, veciños de Allariz, como presuntos autores dun roubo con forza nunha vivenda do Barco de Valdeorras. Os feitos remóntanse ao pasado 2 de outubro.
Os catro individuos utilizaron a modalidade "roubo mudanza", que consiste en desvalixar a casa simulando que o residente autorizara eses traballos de carga por un cambio de domicilio. Deste xeito non se levantarían sospeitas de veciños e testemuñas.
Segundo informaron fontes da Comandancia de Ourense, aproveitaron que o morador da vivenda ía pasar unha fin de semana fóra para entrar na casa e realizar o furto de mobiliario, electrodomésticos, roupa, calzado e outros obxectos de valor.
A investigación foi levada a cabo polo equipo de Policía Xudicial da Garda Civil do Barco de Valdeorras, que conseguiu identificar os presuntos autores destes feitos e recuperar parte dos efectos subtraídos, mentres que o resto de obxectos tamén foi localizado, despois de ser vendidos.