Investigan o accidente marítimo de Vilanova en que morreu unha muller
A embarcación en que navegaba coa súa parella bateu contra unha batea
O home permanece ingresado en estado grave no hospital do Salnés
Un tráxico accidente rematou este sábado coa vida dunha muller na ría de Arousa. A embarcación na que navegaba coa súa parella bateu, por razóns que se están a investigar, contra unha batea.
A muller de 53 anos era veciña de Vilaxóan e aínda que nun primeiro momento foi rescatada por Salvamento Marítimo non conseguiron salvarlle a vida. O home permanece ingresado no Hospital do Salnés en estado grave.
A embarcación na que navegaban tiña tres metros e medio de eslora. Sospéitase que un despiste puido provocar o sinistro.
Hai case un ano un veciño de Madrid falecía nun accidente semellante. Foi tras a procesión marítima do Carme na Illa de Arousa. A lancha na que navegaba con outras catro persoas batía tamén cunha batea.
