Investigan o achado de restos óseos e dun cadaleito nunha zona de monte en Lalín
Todo parece indicar que son de "hai moito tempo"

A Policía Xudicial investiga o achado de restos de ósos, dun cadaleito e dun nicho nunha zona de monte no lugar de Lamas, no municipio de Lalín.
Segundo confirman fontes próximas á investigación, unha persoa que camiñaba pola zona a última hora da tarde do xoves atopou estes ósos e deu aviso á Garda Civil.
Tras desprazarse ata o lugar o equipo da policía xudicial do corpo, realizaron unha inspección ocular e acharon restos óseos que, tal e como indican estas mesmas fontes, son de hai "moito tempo".
Ademais, tamén atoparon roupa pertencente a unha muller, restos do cadaleito e do nicho, así como de cemento. As primeiras investigacións apuntan a que os restos proceden do baleirado ou limpeza dun nicho ou dun pazo onde antigamente se facían soterramentos.
Agora, a Garda Civil investiga os feitos para tratar de esclarecer quen depositou no lugar eses restos e localizar as familiares.