Investigan unha presunta estafa nun concesionario de compravenda
Acusan un empregado dun concesionario de Dodro de cobrarlles aos clientes un prezo superior ao fixado
A Garda Civil de Padrón iniciou unha investigación tras recibir unha denuncia do propietario dun concesionario de vehículos de ocasión de Dodro. Segundo consta na denuncia, o dono descubriu que un dos comerciais cobraba cantidades indebidas.
"Supostamente un empregado o que facía era incrementar o prezo das vendas dos vehículos e quedaba a diferenza para el", afirma a Garda Civil de Padrón.
Os investigadores cren que hai indicios de que o comercial tamén quedaba con parte do cobrado polos coches vellos entregados polos clientes.
"Pois se no despezamento a este señor lle daban 900 euros, ao cliente realmente chegábanlle 400 ou 500. É dicir, sempre quedaba cunha parte no seu propio beneficio", contan desde a Garda Civil de Padrón.
Desde o concesionario aseguran que están a compensar o cobrado de máis aos clientes que o acrediten. O comercial e presunto estafador xa foi despedido.
"A día de hoxe confirmados e investigados hai como cinco casos, que non quita que nun futuro poidan ser máis porque esta persoa traballou durante un ano", sinala a Garda Civil de Padrón.
O diñeiro estafado podería ascender aos cen mil euros. Un xulgado de Padrón fíxose cargo do caso.