Israel ataca Siria por aire e con artillería tras o lanzamento de seis foguetes
O fogo cruzado na fronteira norte prodúcese no marco dunha repunta da violencia na rexión
Enfrontamentos entre a Policía israelí e fieis palestinos na mesquita de Al Aqsa, en Xerusalén
O Exército israelí atacou esta madrugada posicións do sur de Siria con artillería e por aire despois de que se lanzaran desde esa zona seis foguetes, en dúas quendas. Tres cruzaron a territorio israelí.
"Avións de combate israelís atacaron obxectivos adicionais en territorio sirio, incluído un complexo militar da Cuarta División das Forzas Armadas de Siria, sistemas de radares militares e postos de artillería utilizados polas Forzas Armadas de Siria", informou nun comunicado un portavoz militar israelí.
Previamente, tropas israelís atacaron con artillería e con drons desde a fronteira os postos desde os que se lanzaron os foguetes, os primeiros disparados desde 2019.
O ataque prodúcese dous días despois de que milicias palestinas lanzaran unha trintena de proxectís desde o sur do Líbano e máis dunha decena desde Gaza.
Israel tamén respondeu bombardeando con mísiles obxectivos de Hamás tanto na franxa coma no sur do Líbano. Aquí rexistrouse o maior ataque nesa fronteira desde 2006, cando as tropas israelís libraron unha guerra dun mes co grupo xiíta libanés Hizbulá, aliado do seu inimigo Irán.
Segundo medios sirios, a aviación israelí tamén bombardeou preto de Damasco, ataques que son habituais nos últimos anos e que Israel intensificou no último mes. O máis recente, este martes nos suburbios da capital, deixou dous civís mortos.
"As Forzas Armadas israelís ven o Estado de Siria como responsable de todas as actividades que ocorren dentro do seu territorio e non permitirán ningún intento de violar a soberanía israelí", sinalou o Exército de Israel, país que mantén unha forte hostilidade contra o réxime sirio de Bachar al Asad, tamén aliado de Irán.
Os foguetes activaron as alarmas en varias localidades dos Altos do Golán, territorio sirio ocupado por Israel en 1967 e anexionado en 1981.
Segundo o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos, ONG con sede no Reino Unido, os foguetes lanzáronse desde a provincia de Quneitra, en mans do Goberno sirio e cunha crecente presenza de milicias proiranianas aliadas, ademais dunha despregadura do grupo xiíta libanés Hizbulá.

Guerra soterrada contra Irán
Desde hai anos, Israel ataca con frecuencia posicións de todos estes grupos e milicias, nunha guerra soterrada contra Irán en chan sirio da que nunca informa e que leva a cabo coa conivencia de Rusia, aliado do goberno sirio e con bases militares nese país.

Tensión na mesquita de Al Aqsa
O fogo cruzado na fronteira norte prodúcese no marco dunha repunta da violencia na rexión, con varios ataques palestinos -que deixaron tres mortos en dous días.
Tamén se rexistraron enfrontamentos entre a Policía israelí e fieis palestinos na sacra mesquita de Al Aqsa, no leste ocupado de Xerusalén, durante o mes de Ramadán.
