Publicador de contidos

Publicador de contidos

Centos de palestinos desprazados comezan a regresar ao norte de Gaza

Centos de palestinos desprazados comezan a regresar ao norte de Gaza

O acordo de cesamento do fogo entre Israel e Hamas permite aos gazatís circular por esta zona desde a madrugada deste luns

O exército hebreo prohíbelles "dirixirse cara a territorio israelí" e "transportar militantes ou armas"

Unha vista dun dron amosa centos de palestinos, desprazados por mor da guerra, regresando aos seus fogares no norte de Gaza (REUTERS / Mohamed Salem) Unha vista dun dron amosa centos de palestinos, desprazados por mor da guerra, regresando aos seus fogares no norte de Gaza (REUTERS / Mohamed Salem)
G24.gal 27/01/2025 08:59

Centenares de palestinos comezaron a desprazarse a pé este luns cara ao norte de Gaza, despois de que o exército israelí anunciara que permitiría o traslado a partir das 07:00 hora local (05:00 GMT).

As imaxes divulgadas por medios como Al Quds mostran centenares de persoas camiñando coas súas pertenzas ao longo da estrada de Rashid, na costa e que atravesa o enclave de norte a sur, informa tamén a axencia palestina Wafa.

As condicións da apertura

O desprazamento comezou arredor da hora fixada para iso polo exército israelí, cuxo portavoz, Avichay Adraee, divulgou na súa conta en X na madrugada do luns outras instrucións como a prohibición aos palestinos de "dirixirse cara a territorio israelí" ou "transportar militantes ou armas".

O portavoz indicou que a vía por Salah al Din (paralela á estrada de Rashid, pero no leste, próxima á fronteira con Israel) abrirase para a circulación de vehículos a partir das 9:00 hora local (7:00 GMT).

O acordo de cesamento do fogo entre Hamas e Israel, en vigor desde o 19 de xaneiro, establecía que os gazatís podían atravesar a zona militar do corredor de Netzarim (que divide a Franxa de leste a oeste) e volver desde este domingo ao norte.

Con todo, Israel non abriu o cruzamento alegando que Hamas incumprira o acordo ao non liberar onte a refén civil Arbel Yehud, en lugar das catro mulleres soldado que abandonaron a Franxa a cambio de 200 presos palestinos.

O portavoz da Xihad Islámica en Palestina, Muhamad al Hajj Musa, afirmou este domingo nun comunicado que Yehud será posta en liberdade antes do intercambio de reféns por presos palestinos previsto para o vindeiro sábado.

O grupo palestino dixo que entregou aos mediadores a lista de reféns que serán liberados na primeira fase do acordo de cesamento do fogo. 

Volta as súas cidades

Segundo recolleu EFE, as familias regresaron as súas cidades tras máis de quince meses de desprazamento forzado. Mentres cruzaban, levaban todas as súas pertenzas en maletas, mochilas ou mesmo arrastradas cunha corda atada ao corpo.

A paisaxe que observaban ao volver ao seu fogar era desoladora. Un campo completamente arrasado onde antes se alzaban edificios e rúas.

"Gaza é o noso fogar, foi nosa casa toda a nosa vida, onde nacemos, e seguirá sendo nosa", dixo a EFE Fares Oweida, un mozo de Beit Lahia (extremo norte da franxa) cuxa casa está destruída, pero que dá grazas de poder volver a ela.

Unha señora maior camiña tamén pola rúa Rachid, agora convertida nunha estrada de lodo, xunto á súa filla. Fai seis anos, conta, operáronlle a corazón aberto.

"O médico díxome que non debía camiñar ou subir escaleiras, pero levo camiñando dúas horas e non estou cansa, sinto coma se alguén me levase a cada paso, cada vez máis preto da miña casa", relata a muller. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade