Publicador de contidos

Publicador de contidos

Éxodo masivo cara ao sur en Gaza, que queda sen auga por falla de enerxía

Éxodo masivo cara ao sur en Gaza, que queda sen auga por falla de enerxía

O Exército israelí amorea arsenal militar na fronteira mentres agarda a orde para iniciar a ofensiva terrestre

G24.gal 15/10/2023 08:24 Última actualización 15/10/2023 21:41

A maior riqueza que alguén pode ter en Gaza é unha botella de auga, un recurso extremadamente escaso para os dous millóns de habitantes da Franxa, sumidos nunha crise humanitaria sen precedentes no enclave.

A falta de auga non se debe tanto ao peche das tubaxes ordenado por Israel o luns, revogado agora parcialmente, como á escaseza de combustible para as desalinizadoras que abastecen a poboación repartindo auga en camións.

A auga da billa na Franxa, extraída do subsolo, é practicamente imposible de beber pola súa alta salinidade. O Ministerio de Infraestruturas israelí confirmou a decisión de "renovar a subministración de auga nun punto concreto para os residentes do sur da Franxa de Gaza".

Con todo, é apenas unha pinga no deserto, xa que a auga proporcionada por Israel en tempos normais supón apenas o 7 % do consumo total no enclave, e Nacións Unidas xa advertiu de que levar combustible a Gaza é a única maneira de salvar a poboación da morte por deshidratación.

Edificios destruídos en Gaza Edificios destruídos en Gaza

Éxodo cara ao sur

Unhas 600.000 persoas, a metade da poboación do norte, fixeron caso á orde de evacuación israelí e trasladáronse ao sur, creando unha situación de crise humanitaria de enormes dimensións nas cidades meridionais de Jan Yunis e Rafah, que non están preparadas para tal emerxencia.

Mentres, o exército israelí segue bombardeando a Franxa. A Administración local comeza a abrir foxas comúns para soterrar os corpos sen identificar porque a falla de electricidade impide conservar os cadáveres nos hospitais.

O último reconto de vítimas mortais en Gaza elévase 2.670 falecidos e máis de 9.600 feridos.

Invasión terrestre

Do lado de Israel, mentres se seguen sumando tropas á fronteira para ultimar a invasión terrestre, as autoridades evacúan os últimos habitantes que quedaban en Sderot. 

O primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu convocou por primeira vez o gabinete de guerra e o Ministro de Defensa israelí insistiu no que chegará nos próximos días.

"Esta será unha guerra intensa, será una guerra letal, será una guerra precisa e será una guerra que cambiará a situación para sempre".

Ante o aumento de ataques na fronteira co Líbano, onde este domingo caeu un mísil no cuartel xeral da misión da paz da ONU, sen causar baixas, Gallant advertiu:

"Se Hizbollah elixe o camiño da guerra, pagará un prezo moi alto, moi alto. Pero se se contén, respectaremos a situación".

Polo momento 16 persoas morreron nos enfrontamentos desta fronteira, entre eles tres civís libaneses.

Os EUA, a UE e Irán

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, falou coa Autoridade Palestina, condenou o ataque de Hamás e asegurou que traballa cos aliados para garantir axuda humanitaria e evitar que o conflito se estenda. Confirmou, ademais, o envío dun segundo portaavións ao Mediterráneo.  

A Unión Europea emitiu un comunicado no que lle pide a Israel que se defenda de Hamás respectando o dereito internacional e garantido a protección dos civís. 

Irán informou de que van participar na reunión da Organización de Cooperación Islámica, o maior bloque político do mundo islámico para analizar o conflito e insistiu en que non será un mero "espectador" ante os crimes cometidos en Gaza, ademais de alertar do risco de que este conflito se estenda pola rexión. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade