Falece un veciño de León de 62 anos que caeu ao mar cando facía un selfie no banco de Loiba
O accidente sucedeu nos cantís de Ortigueira este mediodía, nunha zona que moitos turistas inmortalizan
O corpo recuperouno o Helicóptero de rescate Pesca II de GardaCostas de Galicia, que recibiu o aviso do 112-Galicia
Os servizos de rescate recuperaron este mediodía o cadáver dun home que caeu ao mar en Ortigueira. Era un turista de León de 62 anos que intentaba inmortalizar cun selfie a súa visita ao banco de Loiba.
Por causas que se descoñecen precipitouse ao marcando intentaba tomar a foto co seu teléfono móbil nos cantís situados ao carón do banco de Loiba. Os servizos de emerxencia localizaron o dispositivo en terra, polo que cren que o soltou ao tempo que caía a auga.
Os bombeiros do parque comarcal provincial das Pontes recibiron o aviso da caída dun home desde o cantil do banco de Loiba, en Ortigueira. Mobilizouse un amplo dispositivo de busca co GES de Ortigueira, a lancha Salvamar de Salvamento Marítimo con base en Cariño e o helicóptero Pesca II de Garda Costas Galicia.
O GES de Ortigueira precisou que a vítima mortal caeu desde unha altura de entre 25 e 30 metros.
Non puideron facer nada por salvarlle a vida. O helicóptero recuperou o corpo sen vida do home que estaba somerxido na auga, coa axuda dun mergullador local.
O banco de Loiba é na actualidade unha das maiores atraccións turísticas da comarca de Ortegal, con centos de curiosos que visitan o lugar para sentar e admirar unha das paisaxes máis fermosas que nos pode ofrecer a costa galega.
Este sábado e antes as inclemencias do tempo non eran moitos os que se achegaron ata esta zona de gran beleza natural. Unha vez sucedido o accidente a Garda Civil cortou os accesos aos cantís de Loiba. O alcalde de Ortigueira destaca que é a primeira ocasión que se da un accidente mortal no lugar.
Agora practicaráselle a autopsia ao cadáver para determinar as causas exactas do falecemento.
🔴 #AXEGAInforma do rescate do corpo sen vida dunha persoa tras caer por un cantil á auga.
— 112 Galicia (@112Galicia) July 20, 2024
📍 Loiba, Ortigueira (A Coruña).
➡️ Un particular alertou ao #112Galicia as 14:10 horas, e o corpo foi recuperado polo helicóptero de rescate Pesca II, de @GardacostasGal. pic.twitter.com/4ooNMlpx8g
