Macron e Scholz tras conversar con Putin din que non quere deter a guerra
Os dous dirixentes europeos esixíronlle que poña fin ao asedio ás cidades
Europa estuda endurecer as sancións contra Rusia

O presidente francés, Emmanuel Macron, e o chanceler alemán, Olaf Scholz, aseguraron que o mandatario ruso, Vladímir Putin, non ten a intención de "frear a guerra" en Ucraína e alertan de que estudan aplicar ao réxime ruso sancións profundas ao nivel de Irán.
"O presidente e o chanceler puxérono contra a parede por non respectar os seus compromisos" sinalan fontes do Eliseo tras unha conversa telefónica entre os tres dirixentes este sábado.
Macron falou tamén co presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, que lle pediu axuda ao seu homólogo francés pola desaparición do alcalde de Melitopol, próxima á sitiada Mariúpol, supostamente apreixado por soldados rusos.
A presidencia francesa asegura que se aplicarán novas sancións semellantes as que teñen Corea do Norte, Siria e Irán pero que aínda habería outras de tipo sistémico na reserva. Asumen que terán un forte impacto tamén nas economías europeas.
No Eliseo cren que Putin non quere parar a guerra e está "determinado" para lograr os seus obxectivos. Macron si constata un cambio de ton no discurso de Putin que non fala de "desnazificación" nin de depoñer a Zelenski.
Aseguran desde Francia que o seu presidente recorre a todos os instrumentos diplomáticos para evitar o peor, como sería o recurso por parte de Rusia a armas ilícitas, como as químicas, ou outros escenarios coa aniquilación de cidades e de civís, que para Macron, serían "inclasificables" agregan.
Os dous mandatarios europeos pedíronlle a Putin que ante situacións "humanamente insostibles" en cidades como Mariúpol ten que rematar co asedio.
París e Berlín cualifican de "mentira" a versión do Kremlin que acusa ás forzas "nacionalistas" ucraínas de violar o dereito internacional humanitario.
Respecto a si houbo crimes de guerra pola parte rusa, a presidencia francesa aclara que lle corresponde a Corte Penal Internacional avaliar as actuacións, aínda que algunhas actuacións como asediar cidades con civís e atacar infraestruturas básicas encaixarían nesa cualificación.