Investigan as causas da morte dun mozo mentres se bañaba no río Mente, en Riós
Tiña 22 anos e faleceu mentres gozaba dunha tarde de lecer con compañeiros nunha área recreativa do concello ourensán de Riós
Foi nunha zona onde a profundidade máxima non chega ao metro e medio
Foi a tarde máis calorosa do verán na provincia de Ourense. A área recreativa do río Mente estaba ateigada de xente. Ás seis da tarde, un grupo de mozos pediu auxilio. Un dos amigos somerxeuse na auga e non saía. Sacárono rapidamente para fóra e unha enfermeira que estaba tamén na zona intentou reanimalo.
"Fartouse de traballar co rapaz, pero non houbo maneira. Ata que viñeron os médicos. Pero nada", explica un veciño.
Ata o lugar desprazouse tamén un helicóptero medicalizado, pero non puideron facer nada. Na aldea, os veciños están conmocionados. A profundidade máxima do río nesta zona non chega ao metro e medio. Levan décadas bañándose alí e nunca pasara nada.
"Profunda non é. Dá pola cintura un pouquiño, nada máis". "E non é perigosa. É a zona á que vén todo o mundo de por aquí, porque é a única zona que ten río. De Portugal e de todos os sitios", comentan na aldea.
Sospeitan que sufrira algunha indisposición no momento de somerxerse, pero haberá que esperar o resultado da autopsia. O mozo, de 22 anos, residía en Bilbao e viña veranear á aldea da familia en Riós.