Morren 16 persoas nun incendio nunha residencia de anciáns en Chile
As lapas orixináronse de madrugada e espalláronse rapidamente
O recinto estaba a ser investigado desde hai polo menos sete anos e xa fora multado tras corrobárense unha serie de infraccións
Un total de 16 persoas perderon a vida debido a un incendio ocorrido onte á noite nunha residencia de anciáns no sur de Chile, informaron este sábado as autoridades.
O sinistro afectou o establecemento de longa estancia El Edén, situado na rexión da Araucania.
As lapas iniciáronse durante a noite e o lume espallouse rapidamente. Os 26 ocupantes do inmoble tiveron dificultades para evacualo debido a problemas de mobilidade.
"Faleceron 16 persoas, cuxos corpos foron calcinados produto das chamas, lograron nese momento rescatarse outros 10 adultos que estaban no interior por unha traballadora do centro", sinalou o fiscal Jorge Granada, que asumiu a investigación do caso.
Os equipos de emerxencia aínda traballan no lugar do suceso para identificar as persoas falecidas e determinar as circunstancias que produciron a traxedia.
Neste contexto, o delegado presidencial da Araucania, Francisco Ljubetic, sinalou que o recinto estaba a ser investigado desde hai polo menos sete anos e que fora multado tras corrobárense unha serie de infraccións.