Morren oito residentes no incendio dun fogar de anciáns en Belgrado
As autoridades cren que foi intencionado

Oito persoas que vivían nunha residencia de anciáns en Belgrado morreron e outras sete quedaron feridas no incendio que se declarou no edificio na madrugada do domingo ao luns.
O ministro de Traballo, Emprego e Asuntos Sociais, Nemanja Starovic, adiantou que hai indicios de que o incendio foi provocado, aínda que non deu máis detalles.
Engadiu que o fogar de maiores Ivanovic, onde se desatou o lume, tiña todos os permisos para o traballo e cumpría todos os requisitos antiincendios necesarios.
O fiscal de Belgrado, Nenad Stefanovic, dixo que existen sospeitas de que un dos residentes do fogar provocou o lume, segundo informa a radiotelevisión pública RTS.
O diario Novosti de Belgrado sinalou que a Policía está en busca da persoa que supostamente provocou o incendio, prendendo lume a un colchón sobre as 4:30 e que podería tratarse de alguén con problemas psíquicos.
Os anciáns feridos na residencia, que albergaba 30 persoas, foron trasladados a centros médicos de Belgrado, mentres a Policía está a examinar o lugar.