Motivos persoais poden provocar a marcha de Lucas Pérez do Deportivo
O seu destino podería ser o Raio Vallecano, no que xa xogou nos comezos da súa carreira deportiva
Lucas Pérez e o Deportivo estudan a posibilidade dunha rescisión de contrato do xogador coruñés, comprometido co club ata xuño de 2029. Cuestións persoais, que levan habitualmente a Madrid ao capitán deportivista, estarían detrás da súa saída.
O seu fillo vive en Madrid e isto poderíalle condicionar a nivel emocional, ante a imposibilidade de pasar tempo co pequeno. O achegamento só sería posible recalando nun club da capital. Alí non hai conxuntos de Segunda, pero si en Primeira División.
Máis aló do Real Madrid e o Atlético, están o Xetafe, o Leganés e o Raio Vallecano, no que completou a súa formación antes de recalar no Karpaty ucraíno, e que é o gran favorito a facerse cos seus servizos.
Lucas comezou a súa cuarta etapa no Dépor hai agora dous anos, cando abandonou o Cádiz, de Primeira División, para incorporarse ao persoal branquiazul, na terceira categoría nacional, durante o mercado invernal 2022-23.